RÍOS

Polo Concello do Pereiro de Aguiar transcorren dous ríos (Miño e Loña) e multitude de pequenos regatos (Pensos, Prado, Gruñal,  etc).

No que se refire ao  Miño podemos dicir que está situado ao NO do Concello, e pasa por debaixo das terras de Melias e Vilariño.

Do río Miño poderiamos dicir que é un río español e portugués cunha lonxitude de 340 km. Nace pola unión de varios regatos na  “Serra da Miña”  na provincia de Lugo, a 600m de altitude, dirixíndose ao nordeste para logo orientarse ao sueste e confluír co río Sil nos Peares. Pasa por Ourense e Ribadavia e forma fronteira con Portugal, desembocando na Guarda. Na súa maior parte atópase encaixado  no Macizo Granítico galego.

A forma encaixada do seu val, xunto co seu caudal moi regular, fano particularmente apto para a produción de enerxía eléctrica.

O río Loña atravesa o Pereiro sendo por este motivo máis importante para o concello que o río Miño, aínda que non poida competir en caudal, poderío e grandeza. Nace ao pé do monte A Moura na parroquia de Loña do Monte (Nogueira de Ramuín) e baña as parroquias de Armariz, Rubiacós, Faramontaos, Covas, Lamela, Tibiás, Santa Marta e Velle, onde desemboca pola esquerda do río Miño.