ESCUDO

O escudo do Pereiro de Aguiar foi aprobado o 1 de agosto de 1985 pola Xunta de Galicia, Consellería da Presidencia, no Decreto 171/85 e deseñado polo arquiveiro da Catedral de Ourense, D. Miguel Ángel González García.

Ten catro partes ben diferenciadas:

• Coroa real. Está timbrado cunha coroa real como corresponde a un Municipio da Monarquía Constitucional Española.

• Bordura. Atopamos nela trece cruces sinxelas de sable en campo de gules. Estas trece cruces fan referencia ás trece parroquias que compoñen o Concello, pois a parroquia dende sempre tivo en Galicia unha importancia como núcleo aglutinador e unha grande forza histórica. A proposta da cruz como signo que representa ás parroquias, por ser por unha banda entidades de índole eclesiástico e, por outra banda, esa é a forma na que se alude ás capitais do antigo Reino de Galicia. Tamén aluden aos “cruceiros” por ser elementos característicos do patrimonio artístico da zona. O campo de gules proponse por razóns estéticas e por ser un símbolo martirial que convén ás máis das advocacións, baixo as cales se acollen as freguesías deste Concello.

• Unha árbore, “pereira de sinople sobre campo de prata”. A árbore está xustificada por un dobre motivo: “pereiro” equivale en castelán a Peral (pereira en galego é unha árbore froiteira).- O campo de prata ten unha explicación na súa significación de auga, que no Pereiro é un factor importante na configuración xeográfica da zona, por ser o río Miño un dos cursos de auga que pasa polo concello, e o río Loña que tamén o atravesa.

• No campo de gules as armas dos “Feijoo”, xustificación que se debe a que o Padre Feijoo naceu en Melias, sendo a personalidade máis destacada na historia do Concello. Leva neste campo unha espada de prata con punta cara arriba, gornecida de ouro e acompañada de seis bezantes de ouro, tres a cada lado en situación de pau.


 

CRUCEIROS

Pódense definir como “cruz grande, de madeira ou de pedra, que para ser chamada cruceiro debe estar composta por base, fuste, capitel e cruz”, todo isto con máis ou menos esculturas e ornamentacións. Esta ornamentación ten sempre un carácter concreto, as súas figuras son máis simbólicas que decorativas, e as esculturas ou relevos son sempre sobre temas relixiosos.

Sitúanse en encrucilladas, en sitios por onde adoitan pasar os cadaleitos ou en puntos onde finou alguén a causa dunha desgraza.

Digamos que a primeira cruz de pedra foi creada nas Illas Británicas, e a través do ciclo Carolinxio chegou a Galicia, e tamén que a ruda cruz dos camiños, quizais foi orixinada nas forestas xermanas de “Limes Romanus” a través do ciclo bretón; chegou a Galicia coroando aos miliarios e guiando aos peregrinos que ían cara Santiago de Compostela.

Como conclusión, da orixe dos cruceiros dicir que todos os arqueólogos concordan en que a primeira cruz de pedra non foi outra cousa que o mesmo “menhir” convertido ao cristianismo.

Resumindo, o cruceiro é un elemento post-románico impulsado polo afán de imitar ás cruces procesionais.


 

HÓRREO

A denominación xeral en Galicia, como en Asturias é a de hórreo, aínda que poden empregarse outras denominacións nalgunhas comarcas, como cabaceiro, celeiro, canastro, piorno, espigueiro, cabaceira , , cabaz, cabazo, calostra, calustra, caustra, etc

Esta palabra procede do latín “horreum” adxectivo que ten o significado de erecto, erguido ou levantado.

O hórreo como construción é un espazo estreito , onde as paredes teñen multitude de buratos para a ventilación, aséntase sobre columnas, pés ou muros transversais, que levan encima capiteis redondos ou “tornarratos” que impiden que os roedores poidan chegar ao gran.

Aínda que as formas son moi distintas dependendo da comarca, vai dende circular e cadrada ata rectangular. Esta última é a forma típica en Galicia podendo variar, ademais, de estreita e longa, ata ancha e curta, aínda que a forma predominante é a lonxitudinal. Cando é necesario aumentar a capacidade do hórreo, constrúese de maior lonxitude, aumentando ó número de tramos ou cleros , pero nunca aumentando o ancho xa que se prexudicaría a boa ventilación e o secado do millo.

Estas construcións sitúanse de formas variadas en relación á xeografía, por exemplo, nas aldeas non están agrupados senón dispersos entre as casas, e a orientación non segue unha orde. Isto cambia cando vemos hórreos situados á beira dos camiños, nas beiras dos ríos ou do mar, neste caso séguese unha liña directriz buscando a mellor ventilación.

A súa construción vén dada pola necesidade que ten o labrego de amontoar e conservar as espigas do millo, pois era o principal alimento da casa labrega e dos seus animais. As colleitas almacenábanse para o consumo cotián de todo o ano, pero non só era importante gardar o millo senón tamén a súa conservación,  xa que a humidade do clima non facilita a maduración completa do mesmo, polo que é importante que estruturalmente permita unha perfecta ventilación do gran sempre adecuadamente colocado, aspecto diferenciado entre Galicia e Asturias, xa que en Galicia as espigas colócanse no interior e sen previa exposición ao sol, mentres que en Asturias pendúranse no exterior.


ENCOROS

No Pereiro de Aguiar podemos resaltar dous encoros. O encoro de Cachamuíña e o de Castadón, achegando tamén caudal ao encoro de Velle a través de pequenos regatos que transcorren polas parroquias de Sta. Cristina de Vilariño e Sta. María de Melias.

O encoro de Cachamuíña foi rematado en 1954 pertencendo ao río Loña. É un tipo de “Presa” chamada de “gravidade” e ten un volume de encoro de 2 Hm3, unha superficie de encoro de 27 Ha cunha superficie de aliviadoiro de 205 m3/seg. e un desaugadoiro de 11 m3/seg.

Dispón dunha cunca receptora de 122 Km2. O vertedoiro sitúase de fronte na coroación da presa,  tendo tres sumidoiros cunha lonxitude de 6 m cada un. Os tres sumidoiros poden pecharse cunhas comportas de 6 por 3 metros, producindo un encoro de 2.075.000 m3 de capacidade total. O perfil do vertedoiro é de tipo “Creager”, e remata nun trampolín de lanzamento libre, con dentes na contraescarpa. Non existe cunca amortecedora por non ser preciso, dada a natureza rochosa do leito. Ten tamén unha ponte de manobra para as comportas do aliviadoiro, instalada para aumentar a capacidade do encoro, a estrutura do mesmo é metálica.

En 1929 foi rematado o encoro de Castadón, é de tipo “Gravidade”, o cal ten 24 m de altura, 0,2 Hm3 de volume de encoro, 5 Ha de superficie de encoro e 150 m3/seg. de capacidade de aliviadoiro. O vertido faise sobre o pé da presa augas abaixo que ao ser escalonado actúa de amortecedor parcial, a lámina vertente queda totalmente amortecida no mesmo receptor do pé da presa, que remata nuns dentes.

 


MUÍÑOS, VOCES DO RÍO

O Concello do Pereiro de Aguiar, un concello rural distribuído en 13 parroquias, ofrece ao visitante un entorno natural digno de ser coñecido.

Colle pulo nas beiras do río Loña cunha ampla foresta autóctona de rebolos, bidueiros e salgueiros, e cun patrimonio popular herdado da Idade Media, como son os muíños de auga que se conservan, ou dos que quedan soamente as súas ruínas. Son preto de 13 construcións, case todas de dous rodicios, como o do Zapateiro, o do Faba, o do Cambeiro, que ata pasada a metade do séc. XX foron a voz do río Loña con intercambio de sons, entre os da forza da auga movendo os rodicios, os do abaneo da tremoia ou o das moas cando triscaban o millo ou o centeo para volvelos fariña.

A coñecida como “Ruta dos Muíños”  percorre o leito do río Loña. Para facela temos que achegarnos ata o lugar de Loñoá, (lugar oleiro do concello) e xusto na ponte que hai sobre a estrada OU-0510 dará comezo o noso paseo.  Atoparemos ao longo do camiño, lugares como Santa Marta de Moreiras e a Derrasa,  para logo continuar o percorrido pola ruta perimetral do encoro de Cachamuíña e de novo encamiñar os nosos pasos cara os montes da Chaira (449m), o punto máis alto do sendeiro, que nos levará de novo ao encontro do río, punto onde finaliza o noso paseo.

“A voz que andou o río, hoxe esmoreceu, ata finar cando os muíños deixaron de botar a andar; unha voz que tamén se levou con ela un oficio, o de muiñeiro e con el apagáronse moitas outras voces polos camiños entre as aldeas; voces de vida e traballo” .

Fonte:  Xornal O Sil. Autor: Clemente Pérez Arias. Datos de interese:  . Ruta circular. Distancia: 16,300 km. Duración estimada: 3h,30 min.. Dificultade: baixa. Mapas -Guía: IGN- 1:25.000 – nº:188-III  e 226-I

 


MUÍÑOS

O espazo xeográfico no que se asentan os muíños busca necesariamente a proximidade dun leito de auga, río ou regato, cun certo nivel de caudal, por iso, no Pereiro de Aguiar, a maioría deles atópanse no río Loña, río que é necesario presentar.

O Loña é o máis importante afluente do río Miño na provincia de Ourense pola esquerda do seu leito dende que, nos Peares –no linde entre esta provincia e a de Lugo-,  se xunta  co Sil.

Desemboca preto da capital, dando orixe ao lugar do seu nome na parroquia de Velle (Santa Marta), tras descender encaixado dende o encoro de Castadón (ca. 250 m), sito no extremo do Concello, en territorio do Pereiro de Aguiar (parroquia de Tibiás).

Nace máis alá deste concello, no concello limítrofe de Nogueira de Ramuín, tramo que pode ser considerado coma o alto. O seu nacemento prodúcese no monte de Cabeza de Meda, ao pé da serra, no cumio atópase o santuario da Virxe do Monte (ca. 700 m de altitude), descendendo ao entrar no Pereiro a cotas de ao redor de 400 m, manténdose constantemente por debaixo da dita altitude. Pola contra, no encoro de Cachamuíña,  está ao redor dos 350 m. O Pereiro de Aguiar está,  pois,  no seu curso medio.

O río transcorre polas parroquias de Loña do Monte (San Salvador), Rubiacós (Santa Cruz).

No Pereiro de Aguiar entra por San Cibrao de Covas, e continúa por Santa Marta de Moreiras, San Salvador de Prexigueiró e Santa María de Lamela, para pasar finalmente pola de San Bernardo de Tibiás, onde conclúe a súa traxectoria neste concello. O réxime deste curto río é pluvial preferentemente, podendo ser, en menor medida, pluvio-nival.

Os edificios dos muíños teñen, xeralmente, unha estrutura regular, cunha gran simplicidade de volumes. Así, sitúanse en paralelo co leito do río, en desnivel cara el, co fin de que a auga que vén pola canle entre pola fachada (parte superior) e saia polo lado oposto (parte inferior), aínda que ás veces se atopa en posición transversal. Ten por isto unha planta rectangular, nos muros de maiores dimensións polo lado do leito do río.

O material de construción é de pedra granítica de cachotería, isto é, anacos de pedra sen labrar, irregulares, de dimensións medias, pedras trabadas sen axuda de morteiro, xeralmente, buscando o seu mellor asento. Para o enripiado énchense os buratos con pequenas pedras (“rachas”). Os “cachotes” maiores colócanse na parte exterior dos muros, traballados ás veces (“cachotería” concentrada), e os menores no interior. Nos ángulos dos edificios e sobre os distintos vans (portas e fiestras), as pedras selecciónanse con especial coidado. No que atinxe á cuberta, adoitan facerse a dúas augas xeralmente. No interior ten dous niveis, o superior ou “terminado” – nome que recibe así mesmo o chan no que cae a fariña-, e o inferior, chamado sartén ou “inferno”, no que está o mecanismo que move a moa debaixo do piso, que está aberta cara ao río.

A fin de dar a coñecer as características dos muíños e os valores que atesoura o río Loña nas súas inmediacións, seleccionamos cinco no elenco estudado neste concello. Son os seguintes: muíño “do Faba”, ao comezo da ampla veiga de Boeiros; o muíño “do Orentino”, na parte media e o muíño “da Penela/do Cambeiro”, na parte final con variantes tipolóxicas. Así o primeiro inclúe unha casa pegada, baixo o mesmo teito, e unha gran ponte, paso sobre o río que no segundo é unha sinuosa e estreita ponte de lousas con acceso polo desaugue das moas, con notables solucións construtivas no muíño a partir da utilización da cantería; e no terceiro a casa é un anexo, en desnivel, con relevos na entrada. As súas grandes presas e longas canles definen nelas os espazos. O muíño “dos Gozos”, próximo ao lugar da  Derrasa e no sitio máis baixo da chaira, é o maior conxunto de moas, nas que entra a auga practicamente dende a presa. A súa proximidade ao santuario dálle, ademais, unha riqueza especial no aspecto documental. Finalmente o muíño “do Pontillón”, en Cachamuíña, situado a continuación da presa e xa encaixado, obra singular pola súa estrutura e novidade na aplicación da forza da auga. Todos eles, e algún especialmente, son susceptibles de ser declarados como “ben cultural”. Dende a súa análise, achegámonos a unha tecnoloxía hidráulica e de transformación do cereal, ante todo, pero ademais a uns espazos fluviais, reveladores dun “modus vivendi” multisecular, achegado no tempo.

En definitiva, a uns espazos naturais marxinais nos que o home deixou un inmellorable exemplo de utilización do medio ambiente, aproveitando a orografía. A orde que seguiremos é a do curso natural do río.

 

Ruta-dos-muiños

 

MUÍÑO DO CAMBEIRO

 Coñécese así este muíño, situado ao comezo da veiga de Boeiros, polo sobrenome do seu propietario, Xosé González Tesouro, “O Cambeiro”. O seu acceso sitúase dende a estrada local que atravesa o termo municipal entre Santa Marta e Loñoá do Camiño (ou das Olas), tomando o primeiro camiño á esquerda tras pasar o cruzamento que se dirixe ao lugar de Outeiro de Moreiras. Para chegar ata el débese atravesar o piñeiral sito ao fondo por un camiño que vai novamente cara á esquerda, e que chega ata o reborde dunhas rochas,-“a Penela”, outro dos nomes polo que é coñecido-.

Un descenso en suave pendente polo camiño lévanos cara ao muíño , dende o que se inicia unha notable extensión de lameiros, o que lle dá o nome principal e máis antigo: “do Ribeiro”, denominación pola que é especificamente citado na cartografía.

É unha construción de notables dimensións, que divide o leito do río cunha poderosa obstrución de grandes pedras, informes sempre, e ciclópeas nalgúns casos, dispostas de forma piramidal e planta curva cara ao río. O muíño, que é de planta rectangular lixeiramente trapezoidal, ten dúas partes diferenciadas tanto na estrutura como na cuberta: o corpo de entrada ao sur, máis ancho, co espazo destinado aos sacos e sacas, necesario para o muiñeiro, área así mesmo de habitación –con dous armarios-alacenas na parede sur; e dende o cubo iníciase o outro , no que están as moas.

O edificio está en bo estado xeral, tanto no que atinxe a aos muros coma ao tellado. Este é a dúas augas (leste/oeste) sobre o obradoiro da “moenda”, e a unha no corpo de entrada, con caída cara ao sur. Cóbrese con tellas curvas sobre vigas e trabes de castiñeiro. Maior variedade ofrece o entorno, que é outro dos encantos deste muíño “do Cambeiro”: un camiño de acceso cun piñeiral ata o borde rochoso no que se encaixa o río, e que descende ao muíño con bidueiros, á dereita, e carballos á esquerda. Nas marxes da presa hai numerosos bidueiros.

 

MUÍÑO DO FABA 

Chámase así este espléndido muíño polo alcume do Sr. Luís “o Faba” (que está pintado nunha das portas). Pero tamén é coñecido como “o muíño de Barreiro”. Atópase na parroquia de San Cibrao de Covas, ao oeste dos núcleos de poboación. Ten dous posibles accesos. Un deles dende o campo de fútbol no que xoga o equipo de Loñoá do Camiño (ou das Olas), para o que é preciso tomar o camiño recentemente asfaltado que se atopa á esquerda da “Ponte de Barreiros” ou da da Carabina, sobre o Loña, en dirección ao lugar de Cebreiros, no extremo oeste da parroquia. O outro é cara o leste, en dirección á estrada que vén da Derrasa e Santa Marta.

O edificio do muíño está en bo estado en xeral, tanto no que atinxe aos muros como ao tellado.

Utilizado outrora con gran intensidade polos veciños dos lugares de Cebreiros, Castro de Covas e Loñoá (Loñoá Grande e Loñoá do Camiño), todos eles pertencentes á parroquia de San Cibrao de Covas.

Era o seu dono  quen o mantiña en bo estado ata principos deste século XXI, antes de falecer, tanto exterior como interiormente, coidando que o mecanismo de rotación e os elementos complementarios de madeira sobre as moas funcionen. A canle e a súa presa, ademais da ponte, son merecedores, así mesmo, duns coidados semellantes.

Dende as inmediacións deste muíño pódese contemplar ao solpor, unha paisaxe de serena beleza dende o monte de piñeiros próximo: o lixeiro desnivel do lameiro ata o canal, o muíño rodeado de arbores plantadas polo dono, a vexetación autóctona da ribeira,… diversos tons de verde que o sol ilumina nas follas das árbores.

 

MUÍÑO DO ORENTINO

Denomínase este muíño deste xeito debido ao nome do seu dono,  tamén coñecido polo de muíño “do Outeiro”, pois sitúase nas inmediacións do lugar deste nome, unha pequena elevación de terreo próxima nesta paraxe de chaira.

Atópase preto do lugar de Boeiros, a aldea máis ao norte da parroquia de Santa Marta de Moreiras. Dende a estrada local de Santa Marta ata Loñoá do Camiño (ou das Olas), tras pasar a saída do lugar de Boeiros, débese tomar unha pista a man esquerda, que é a que vai en dirección a Cebreiros, e ao chegar ao primeiro cruzamento, dirixímonos á dereita, por un estreito camiño que nos leva ao muíño. Dende Cebreiros chegaban ata aquí para moer cruzando o monte de Rañoá. Aínda que debían cruzar o río polo paso do muíño.

Trátase dun muíño de planta rectangular lixeiramente trapezoidal, paralelo ao leito do río, coas fachadas maiores na dirección do curso solar, e entrada polo leste
Nas súas tres cuartas partes, está construído con cachotería concertada, composta con irregulares pezas máis ou menos prismáticas. A estrutura do edificio atópase aínda nun estado bastante bo de conservación, se ben con matizacións, pois na parte máis próxima á entrada o tellado comeza a fenderse.

Situado nunha finca privada, o acceso ao muíño é polo extremo dela, ao lado do muro colateral. Paralelo ao seu muro sur continúa recto, no que parece un paso de carro cara ao outro lado do río. Pero é sen dúbida o paso pola súa singular ponte o que lle dá a este muíño “do Outeiro” unhas características especiais no elenco que analizamos. Trátase dun longo paso (“pasal” ou “pasadoiro”) de rasante horizontal, en forma de “ese”, que se achega ao muíño polo lado noroeste do Loña. Neste lado do río, os veciños de Cebreiros cruzaban por esta ponte de pedra, con ciclópeos piares por base que salvan actualmente o leito en número de dous, nos que se apoian os tres tramos, lousas de considerable tamaño que, do lado de Cebreiros, continúan en curva con outros dous máis pequenos.

No seu entorno: unha paisaxe de bidueiros, principalmente, e de grandes fentos, que medran nas beiras e aos lados da ponte, nos que veñen a pousarse numerosos cabalos do demo.

Sobre as súas lousas, no medio do río  e cuberto pola galería de follas das árbores ribeiriñas, pódense escoitar as voces da vida, mirando cara ao muíño, coas ramas no remanso.

 

MUÍÑO DO PONTILLÓN

É o “Muíño do Pontillón” o máis moderno de todos cantos comprende este estudo do curso medio do río Loña e de todo o Municipio do Pereiro de Aguiar. Polas súas dimensións e estrutura, ademais do seu uso, novidoso e singular, é un exemplo piramidal e un paradigma, e isto é debido a José Blanco Gil, pai do propietario D. José Blanco Pereira, quen o utilizou e preparou deixándoo no estado en que hoxe se atopa.
O nome polo que é coñecido recíbeo por atoparse ao lado do “pontillón”, ponte de formigón construída no primeiro terzo do século XX. O muíño atópase nas inmediacións da cabeceira do encoro de Cachamuíña.

Accédese a el pola estrada xeral Ourense/Ponferrada, dende as inmediacións do desvío cara ao Vilar e Pereiro de Alén sobre a parede da presa, punto no que parte outro camiño en dirección oposta, cara á esquerda, que se dirixe cara ao pontillón por forte pendente. Por aquí pasábase ao outro lado; aos lugares de Recobio, Pereiro de Alén e O Pereiro, ademais de Vilar, da parroquia de San Salvador de Prexigueiró, e dende Cachamuíña antes de facer o encoro.

É un muíño de grandes dimensións, que ten unha planta practicamente trapezoidal, na que a parede máis pequena é a da fachada, atopándose as dúas maiores en disposición transversal ó leito do río, o que é rechamante por singular. Isto non é “óbice” para o seu funcionamento, pois a auga chégalle por unha canle paralela ao Loña. A súa realización é de cachotería irregular, con arrexuntado exterior e posterior encintado, con morteiro de cemento branqueado con cal, a excepción da parede do río. Esta é a parte de maior volume de edificación, cun muro de grandes dimensións para salvar o gran desnivel. Os dous terzos restantes da estrutura do muíño están construídos con grandes pedras de cantería asentadas en ringleiras regulares.
A estrutura da cuberta é case rectangular cunha armadura a catro augas, e tella curva do país sobre aleiro de madeira, que se prolonga polo SE. da fachada nun ancho soportal, sobre dous pés dereitos de madeira de sección cilíndrica, utilizábase como resgardo dos animais que eran empregados no labor de transporte dos sacos de gran e fariña. A ambos lados da porta , nas xuntas, hai ferraduras nas que eran atados no labor de carga e descarga.

A auga chega ao muíño por unha longa canle que discorre paralelo ao río, polo leste. É ancha pero pouco fonda, e está feita con cachotería unida con morteiro.

Neste muíño moeu o Sr. Blanco Gil ata pouco antes do seu pasamento, a comezos de 1997. Por iso dispón aínda de moega e artesas. E tamén ten o sistema de produción de electricidade, que utilizou para uso propio noutra industria que tiña, ademais da súa propia vivenda situada ao outro lado da estrada.
Sabedor do valor excepcional do exemplo para o ensino, amosou en numerosas ocasións a grupos de estudantes o funcionamento de ambos enxeños técnicos. Pero coa súa presenza transmitía, así mesmo, algo impagable: a súa experiencia de vello muiñeiro e fillo de muiñeiro, oficio que xa o seu tataravó tamén tiña.

 

MUÍÑO OS GOZOS

Este muíño denomínase así polo topónimo do lugar onde se atopa, “Os Gozos” , derivado da advocación da Virxe á que se dá culto nas inmediacións. Por iso é coñecido, tamén como muíño “da Ermida”.

Atópase ao sur da parroquia de Santa Marta de Moreiras, no extremo dunha grande curva que describe o río Loña case un meandro nesta zona de chaira -, que recibe dous afluentes pola esquerda, dos que o regato do Gruñal (tamén chamado dos Pensos ou de Esgos) é o que máis afecta ao muíño por unirse ao Loña antes dos Gozos, provocando un grande engrosamento nesta parte. O outro é o regato da Gaiola (ou da Medorra), que desemboca uns metros máis abaixo. Este gran muíño coa presa, en cuxa cabeza se asenta, forma con ela un conxunto singularísimo. Isto é debido á utilización da auga directamente, aproveitando un gran caudal que hai neste punto. E ademais, polo feito de atoparnos ante varios muíños pegados e unidos, formando un todo continuo. Os muíños son propiedade actualmente de dous donos distintos, o Sr. Benjamín de Santa Baia e o Sr. Xosé do Penedo.

Os muíños atópanse a poucos metros da estrada local que vai dende A Derrasa (C-536) cara á ermida da Virxe, e no extremo do seu campo murado –en dirección á “área recreativa” de Monterrei-, camiño real outrora. Dende aquí, debe collerse un estreito e curto camiño cara á dereita, que é o que se dirixe cara ao río, onde se atopan os muíños. O seu estado parcialmente ruinoso permítenos apreciar, non obstante, a estrutura que tiñan. Os edificios dos muíños atópanse asentados nun punto no que o leito do río describe un “ese “. Sobre unha superficie rochosa foron construídos perpendicularmente ao río. O conxunto atópase nun deficiente estado, tanto no que atinxe ao muros como ás cubertas.

O primeiro deles, dende o camiño, é o que está mellor conservado, non obstante, ao atoparse alterado pola propiedade, subdividiuse interiormente, o que afectou así mesmo ao acceso, xa que co cambio de propiedade abriuse unha nova porta na parede sur. O edificio ten unha planta irregular poligonal, con tres grandes muros lixeiramente escadrados pola parte do acceso, na que é máis ancho e regular. O parámento pétreo é de cachotería concentrada, con pezas irregulares máis ou menos prismáticas de similar tamaño colocadas en ringleiras horizontais nas paredes sur (parte SE.) e leste, mentres que na parte oposta (parede sur, lado SO., e oeste) o parámetro realizouse con pedras máis pequenas, polo que as ringleiras apenas se pode dicir que existan. A continuación outros dous muíños, todos con paso polo lado leste, sobre o canal do primeiro.

Estes muíños, que sempre foron privados, deron servizo ás xentes das aldeas da contorna. Ante todo aos da Derrasa ,núcleo de poboación con varias airas para mallar centeo e trigo, e numerosos hórreos, dos que procedían os innumerables sacos de gran moído en “Os Gozos”.